Friday 03 de May de 2024

Unha decena de mulleres de Lousame participaron nun curso de defensa persoal


Unha ducia de mulleres de Lousame participaron durante esta semana no “Curso de defensa persoal e autocapacidade para mulleres e mozas”, tres sesións de adestramento físico e psíquico para saber como actuar ante diversas situacións problemáticas mediante técnicas de autodefensa. Unha iniciativa organizada polo Concello de Lousame, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Loita.

Durante sete horas e media, o polideportivo Pilar Barreiro Senra acolleu un curso impartido por dous monitores especialistas en defensa persoal da Federación Galega de Loita. A concelleira de Igualdade en funcións, Silvia Agrafojo, asistiu onte á noite á sesión de clausura, onde comprobou a gran satisfacción das alumnas co contido do curso pois “non só é aprender unhas técnicas, é tamén un adestramento psicolóxico para saber como actuar ante diversas situacións de violencia mediante técnicas de autodefensa”.

Así, as alumnas practicaron como reaccionar diante de diferentes ataques. “Se che collen dende atrás polo pelo, non é unha boa idea reaccionar indo cara adiante, pois podes facerte moito máis dano. É mellor agarrar o pelo e tentar dar un golpe co cóbado para librarte do agarre”, exemplifica un dos monitores da Federación Galega de Loita. Unhas técnicas que as veciñas de Lousame estiveron ensaiando durante estas tres sesións, que concluíron onte coa explicación de como reaccionar ante un ataque con arma branca.

Este foi o segundo curso de defensa persoal para mulleres que organiza o Concello de Lousame e, visto a boa recepción por parte das alumnas, a concelleira de Igualdade non descarta organizar unha próxima edición.